Presentación do dobre grao
Benvidos ao dobre grao ADE-Dereito da Universidade de Vigo que se imparte no Campus de Vigo. O dobre grao permite ao alumnado obter en cinco anos os títulos de graduado en ADE e graduado en Dereito, un perfil profesional moi demandado polo sector empresarial, o que o sitúa entre as ofertas máis atractivas das Universidades de España en canto á duración dos estudos. A titulación impártese nun grupo diferenciado cun horario e un calendario de exames propio.
Baixo a máxima do absoluto rigor académico, o dobre grao achega un elemento diferencial: a implicación do mundo empresarial na formación complementaria do alumnado a través da participación en conferencias e a oferta de prácticas nos últimos anos do dobre grao. Ademais, o dobre grao ofertará cursos extra-curriculares encamiñados á formación en idiomas e en habilidades e capacidades demandadas polas empresas.
Orixe do Dobre Grao
O dobre grao ADE-Dereito era unha vella aspiración da Universidade de Vigo. En 1994 comezaron a impartirse no Campus de Vigo os estudos da licenciatura en Dereito: Rama Económico-Empresarial na Sección delegada de Vigo da Facultade de Dereito de Ourense. Con posterioridade, en 2002, creouse a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no Campus de Vigo. Este edificio foi concibido polo seu autor, Alfonso Penela, como unha continuación da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, obra do mesmo arquitecto, á que se pode acceder a través dunha pasarela cuberta, o que permite considerar ás dúas facultades como un único centro.
Despois de diversos intentos de configurar o dobre grao, no curso 2014-2015 empeza a primeira promoción, como o froito dun proxecto de cooperación intelixente entre as dúas facultades. Este proxecto responde á demanda detectada, tanto no sector empresarial coma no alumnado de Bacharelato do ámbito da Universidade de Vigo, dunha oferta de estudos que proporcione unha formación combinada xurídico-empresarial.
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
986 812 400 | sdfcee@uvigo.es
Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
986 814 010 | decanatoxuridicas@uvigo.es
Obxectivo
O obxectivo do dobre grao é o de formar profesionais no ámbito xurídico-empresarial que respondan ás necesidades das empresas e que poidan optar a ocupar postos de alta dirección. Para conseguir este obxectivo, queremos captar un alumnado que conxugue talento e capacidade de traballo. Este alumnado recibirá unha formación académica xurídico-empresarial o máis rigorosa posible, que será complementada cunha oferta de formación que incidirá en aspectos como a motivación, o traballo en equipo, os idiomas, as novas tecnoloxías e as habilidades directivas.