Conferencia de Alejandro Marques de Magallanes – Partenon

O pasado mércores, 10 de decembro tivo lugar, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a última conferencia do cuadrimestre organizada polo Dobre Grao ADE-Dereito.

Alejandro Marques de Magallanes Regojo, Director Xeral de Partenón, expúxonos a súa visión sobre a figura do empresario a partir da súa propia experiencia. Tamén nos ilustrou coas experiencias do seu avó,José Regojo, fundador da empresa familiar e do seu pai, Adriano Marques de Magallanes, ao obxecto de aclarar que os problemas existen en cada momento da historia, aínda que son diferentes; non obstante, o éxito conséguese se se é capaz de encontrar o nicho de mercado axeitado a cada momento histórico.

Alejandro transmitiu unha mensaxe á vez realista e optimista sobre o futuro dos nosos titulados e fixo especial fincapé en que hai que afrontar os proxectos empresariais con “ilusión” e “perseverando ata o éxito”, intentando buscar oportunidades que permitan “crear valor” e sempre baixo a premisa dunha formulación empresarial na que o comportamento “ético” é fundamental para que o proxecto teña recorrido a medio e longo prazo.

O dobre grao quere agradecer a Alejandro Marques de Magallanes o apoio e a colaboración que presta á nosa titulación.