Conferencia de Juan Güell

O pasado mércores 1 de outubro tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais unha conferencia, organizada polo Dobre Grao ADE-Dereito, que foi impartida por Juan Güell Cancela, Socio-Director de DosValor, recentemente nomeado “Executivo do ano en Galicia”.

Antes da conferencia, Juan Güell reuniuse cos alumnos do dobre grao aos que lle dirixiu unhas breves palabras e se fixo unha foto con eles. Tras ser presentado por Manuel Guisado Tato, Catedrático de Organización de Empresas da Universidade de Vigo, o relator dirixiuse a un público integrado por alumnos e profesores do dobre grao, do grao de ADE e do Máster en Administración Integrada en Empresas (MAIE), aos que queremos agradecer a súa presenza xa que lle deu unha maior relevancia ao acto.

Juan Güell, un “business angel” dede hai máis de 20 anos incidiu en que en todo negocio hai que buscar “beneficio” e en que os acordos con socios deben estar baseados na “confianza mutua“. O seu consello aos emprendedores que buscan apoio financeiro para poñer en marcha o seu proxecto céntrase en dous aspectos:

  • A nivel persoal, deben saber transmitir capacidade de traballo, responsabilidade, interese persoal por convencer da viabilidade de proxecto (non tanto de obter o financiamento) e habilidade pública para defender o que será “noso proxecto” (non “o teu” proxecto). En definitiva “xerar confianza” fronte ao novo socio.
  • A nivel do proxecto, requírese nivel de escalabilidad e contraste no mercado. En definitiva, “indicios de viabilidade e beneficios“.

O dobre grao ADE-Dereito quere agradecer a Juan Güell a deferencia que tivo de dedicarnos unha parte da súa apertada axenda para que os alumnos coñezan de primeira man a realidade do mundo dos negocios e os puntos nos que se deben apoiar para presentar os seus posibles proxectos de emprendimiento no futuro.